viernes, 10 de marzo de 2017

Científicos da USC crean un protocolo que acelera a cría da ostra

España é o segundo país produtor de ostra plana europea do continente. A sobreexplotación, a importación masiva de semente doutros países ou o progresivo descenso do recrutamento de semente no medio natural propiciaron que a produción de ostra se reducira á metade nos últimos dez anos. 

O grupo de investigación ACUIBIOMOL do Instituto de Acuicultura da USC identificou as condicións óptimas de temperatura, réxime de exposición diaria á luz e ración e composición da dieta de microalgas para o acondicionamento de proxenitores de ostra no criadeiro ademais de deseñar un protocolo de cultivo que reduce practicamente á metade os tempos de produción de semente. 



Segundo os traballos realizados polo equipo do Instituto de Acuicultura da USC, as mellores condicións de reprodución da ostra plana asócianse con temperaturas da auga de entre 14 e 18 graos, un período de exposición á luz de entre 8 e 16 horas e unha ración de alimento equivalente o 6% do peso seco da ostra por día. 

Os intervalos de temperatura e luz así como de composición de alimento sinalado polo equipo investigador permitiron reducir á metade os tempos de produción no criadeiro. O equipo da USC conseguiu o acondicionamento de proxenitores e a produción de larvas despois dun período de catro semanas en inverno e despois de dez no outono. O período do ano para a cría de ostra cobra unha especial importancia para realizar o acondicionamento, xa que en outono e en inverno son diferentes as condicións fisiolóxicas dos proxenitores e as condicións ambientais naturais.

Rodrigo Justo Fernández

No hay comentarios:

Publicar un comentario