viernes, 10 de febrero de 2017

O entroido de Verín


É esta unha festa na que os ritos e as cerimonias mestúranse: poñerse máscaras, comer do porco (degustar todo tipo de produtos relacionados coa matanza; chourizos, carne e outros), botar fariña, queimar os Entroidos, o Meco, cambiar o carácter durante uns días, cambiar os roles sexuais, etc.
Nestes días está permitido facer cousas que non o están o resto do ano e que mesmo parecerían de mal gusto, é pois o Entroido, en definitiva, o revés do mundo, a contradición da vida cotiá e a procura do investimento total dos valores.

Inconscientemente búscase un equilibrio no exceso fronte ao desequilibrio que supón o respecto á penitencia cuaresmal.
A crítica social, a parodia, o grotesco, o burlesco, son modos de ridiculizar inconscientemente os feitos da vida cotiá, os oficios, os cargos públicos, os cortexos relixiosos, a guerra, a xustiza, a vida dos veciños e outras manifestacións de tipo social ou profesional. Os ritos do Entroido, a vestimenta, os devanditos e feitos improvisados confírenlle tamén a certas máscaras un carácter teatral.
A literatura vese representada nas coplas e cancións populares deste tempo, alcanzando o verdadeiro carácter creativo que ten o seu máis alto reflexo na confección dos Testamentos e Entremeses.
Distínguese tamén unha tendencia natural ao igualitarismo, ao verse suprimidas as diferenzas sociais, de idade, estado civil, clase, sexo, etc. facendo que nesta festa mestúrense todos, esquecendo os respectos e as distancias que a vida cotiá impón.
É en esencia, a propia representación do paganismo fronte ao Cristianismo, nacido nunha época aínda máis pagá que a nosa, pero tamén máis relixiosa.


Pablo Vega Dos Santos 

No hay comentarios:

Publicar un comentario